Grupos que dan a vida
O sorteo da fase final da Eurocopa austrosuíza do próximo verán decantou un grupo da morte (Holanda-Italia-Rumanía-Francia), outro de nivel medio (Suíza-Chequia-Portugal-Turquía) e dous ridiculamente devaluados: o de España (con Suecia-Rusia-Grecia) e o de Alemaña (Polonia-Austria-Croacia). Esta situación vén dada pola pouca entidade dos anfitrións, sobre todo Austria, e o feito de que Grecia, cun plantel lamentable, gañase a anterior edición. Aínda así sigo sen entender moi ben como Francia, finalista dun mundial, estaba no último bombo.
Este grupo D que lle veu a tocar en sorte é unha folla de ruta da desgracia para España. Por unha banda porque sufrirá, sempre sufre, contra rivais con plantillas inferiores ás súas e quedarán máis patentes incluso as súas limitacións. Pode pasar iso ou que, como no pasado mundial, arrase nos tres primeiros partidos e gañemos, sen ter desputado as eliminatorias, a Eurocopa. Por se faltasen poucos indicativos de catástrofe os cruces do grupo son contra rivais moito máis en forma que calquera dos integrantes do noso grupo. En cuartos á casa como sempre.
Para colmo de males Aragonés está desexando baixarse aos pantalóns e ameaza con quitar o que obviamente funciona (os centrocampistas de toque do Barça e os estremos do Valencia) para dar entrada ao capitán branco. O superclase madridista volveu a deixarnos atónitos o pasado sábado cun gol despois dun fallo en defensa do Racing e por meter un libre directo a través dunha barreira que se abre. O debate non acabará ata que As, Marca, Cadena Ser e os demais testaferros de La Roja teñan a aliñación que queren.
Total que a posibilidade de ter un equipo baseado no colectivo e na identidade futbolística nacional (eu creo que a furia é máis arxentina que outra cousa) e que dá resultados aos clubes botarase pola borda polos mesmos atavismos de sempre. Este grupo fácil e pouco meritorio en vez de darnos a vida seguramente danos o pasaporte para volver cedo a casa. A salientar o que dixo Chivu sobre o grupo no que está Rumanía: “Se pasamos da fase de grupos gañamos o mundial”. Para cando esa mentalidade aquí?
Benvidos á Padiola Mecánica
O obxectivo vital deste blog é ofrecerche unha visión 'diferente' do deporte, para o que non escatimaremos en mostrarche os aspectos máis tolos e surrealistas que o rodean.


