Rei de copas
Hai só seis anos o Sevilla FC estaba en segunda división, afundido social, deportiva e economicamente. Era a época do mandato de Roberto Alés (agora inxustamente denostado e olvidado), que se viu obrigado a impoñer unha economía de guerra -seica un día o propio Alés tivo que pagar do seu peto a compra de balóns para que os xogadores poideran entrenar- destiñada a afrontar os 30 millóns de euros de débeda acumulados en gran parte trala fichaxe de Maradona e Simeone no ano 1992.
Moito mudaron as cousas. Nos últimos 13 meses o Sevilla gañou 4 títulos (2 Copas da Uefa, unha Supercopa de Europa e unha Copa do Rei), e foi nomeado mellor equipo do mundo no ano 2006 pola IFFHS. Comeza a ser un leit-motiv, un deja vu, ver a Javi Navarro (un día lle faremos un perfil, ben o merece) levantar un trofeo. O segredo do éxito? A harmonía perfecta entre un equipo voraz e incansable, que non perdoa; unha dirección técnica -encabezada por Monchi e Pablo Blanco- hiperprofesionalizada; e unha afición extraordinaria (difícil non emocionarse escoitando o pasado sábado a 45.000 gorxas cantar a todo pulmón o himno do centenario nervionense).
Sempre foi o Sevilla un equipo de arte e filigrana -así o di o himno clásico do clube-, pero estamos ante o mellor conxunto da súa centenaria historia. Un equipo quizais de menor calidade técnica que o lendario dos anos 40, da inmediata posguerra, capaz de gañarlle ao Barcelona 11-1, ao Valencia 10-3 e ao Hércules 8-3, e perder a liga na última xornada da tempada 1939-40. Esta dianteira asombrosa foi coñecida como “os Stukas”, en referencia aos devastadores bombardeiros alemáns. Pero nada que ver a inxenuidade dos “Stukas” co ardor guerreiro de Poulsen, Alves, Kanouté, Javi Navarro, Palop e compañía. O Sevilla actual é unha máquina de matar, un espléndido adalide do fútbol moderno: rigor táctico, fortaleza física e xogo por banda. É un equipo que nunca se rende, capaz de rematar os partidos presionando en área rival, e que xamais lle perde a cara aos partidos. En definitiva, a expresión perfecta do fútbol moderno. Moitos deberían aprender deles, non si?


