O día máis triste na vida duns bloggeiros deportivos
Marcha da nosa liga o deportista que máis emocionou aos dous autores deste blog que tedes diante. Desexaríamos nunca ter que dar esta noticia pero Giovanni Van Bronckhorst, o eterno 12 do Barça, deixa ao campionato orfo dun xigante humano e deportivo para volver á súa Rotterdam natal. Resultaría imposible delimitar ata que punto o crack marcou as nosas vidas e constitúe un punto de referencia humano.
Ao igual que os xaponeses, os padioleiros mecánicos somos máis de xogadores que de equipos e no caso de Gio falamos dunha identificación no nivel do ADN co carismático lateral esquerdo. Grazas a el o Barcelona levantou unha das súas peores crises deportivas da súa historia. Cabe salientar que foi o único xogador que disputou toda a pasada Champions na que non se perdeu ningún partido. É máis cando coincidían o superdotado e os seus mariachis REM(Ronaldinho,Etoo, Messi).
Pero estes son argumentos racionais e a Gio desfrútase co corazón, pola súa entrega, cabellorisade, bo corazón, alegre xogo ofensivo e garra. Todo o que pode un ser humano pode aspirar a ser. As bágoas impídenme seguir. Só nos resta a lenda do Camp Nou e que no estadio De Kuip un grupo de privilexiados siga desfrutando da súa maxia. Ata sempre Gio.



Non sabía eu que Gio tivera tantos admiradores na Galiza.
Eu coñéceo dende a súa etapa anterior en De Kuip, e o certo é que nunca acadei a comprender a súa reconversión a lateral esquerdo. Era un medio de moita calidade, cun sensacional golpeo de pelota e que podía tanto traballar na elaboración do xogo coma na banda sacando exquisitos centros.
En Glasgow seguiu sendo mediocampista e foi na selección cando decidiron (ante a falta de laterais) face-lo experimento, non recordo quen fora (Gullit?). Creo que é bastante mellor medio campista que lateral, aínda que se aplicou con profesionalidade e entrega é evidente que ten mellores características ofensivas ca defensivas. Para min foi unha mágoa que lle mudaran a posición cando dende o medio ía ofrecer bastante máis, ó Barcelona non lle tería vido nada mal que chegara con maior asiduidade á liña de fondo para sacar centros. Por outra banda creo que era o mellor lanzador de faltas do equipo, aínda que ben poucas lle deixaron tirar.
De volta en Rotterdam seguro que terá a oportunidade de xogar nunha posición máis vantaxosa para el.
Saúdos