Canteiras
Agora que o mundial sub 20 vén de finalizar do xeito máis tradicional posible, eliminación da Roja en cuartos, o Valencia vén de presentar a dous dos seus integrantes coma flamantes novas fichaxes. Trátase do canteirán do Madrid Mata que, facendo honra ao seu nome é atacante, e o home que veu da pateira: Sunny.
Na temporada pasada os dous grandes viviron momentos de vergoña por mor das súas canteiras. O Barcelona viviu un pesadelo co seu descenso a terceira división. Iso a pesar de que moitos equipos da súa división estou seguro que conseguirían ascender a Segunda División A con dous proxectos de cracks como Gio Dos Santos e Bojan. Un fracaso sen paliativos que amosa moitos dos males do Laportismo.
O Castilla, cunha das mellores plantillas da súa historia, fracasou estrepitosamente baixo a batuta dun entrenador de probada ineptitude (se non que lle pregunten ao Rayo Vallecano). Míchel levou ao naufraxio a un grupo de xogadores que se van distribuíndo entre a Primeira División.
A mala xestión dos grandes das súas plantillas leva a que sexa a casualidade quen conduza aos canteiráns ao primeiro equipo. Así foi o caso de Miguel Torres, un excelente xogador pouco valorado polos madridistas, ou, no seu día, de xente como Oleguer ou Motta. Parece sangrante no caso Culé que só os talentos luminosos de Messi ou Iniesta permitiron que Frank Rikjaard abrise as portas do Camp Nou. Xente como Gio dos Santos ou Bojan van ter que poder demostrar a súa capacidade para camiñar sobre as augas e de multiplicar os pans e o viño para poder compartir vestiario con Henry.
En política de canteira o Sevilla volve ser excelente. Non só ten o único filial en segundo (perdimos a ocasión de ver un morboso derby Betis-Sevilla B), senón que iniviste no mercado internacional para buscar as mellores promesas alén dos mares. Vendo ao seu peculiar president, o clube hispalense recórdame a eses pais feos, ananos e rechonchos que teñen fillas destinadas a raíñas da beleza. A saber como fan.


