Grupos da morte
Non hai grupos da morte nesta edición da Champions League a primeira vista. Quizais o máis difícil sexa o do Valencia que deparará enfrontamentos de moito músculo co Chelsea, Schalke e un inferior Rosenborg. Non semellan nada sinxelos tampouco os rivais do Barcelona pero cabe recordar que o Lyon está en horas baixas, o Stutgart non é, por plantilla, o mellor equipo de Alemaña e o Glasgow será rival en Escocia e asequible fóra das illas.
O Madrid ten un grupo de nivel medio co Werder, mermado tras a marcha de Klose, e unha Lazio de segunda fila. O Olimpiacos ademais dálle sorte tradiconalmente. Nalgo tiña que ter sorte o Sevilla e foi no sorteo: Arsenal, Steaua e Slavia son peores que os hispalenses que, salvo complexos, deberían liderar a liguilla.
Nos grupos conformados exclusivamente por equipos estranxeiros brillará o fútbol no F con Manchester, Roma, Sporting e, de acompañante, Dinamo de Kiev. Moito menos atractivo o A con Porto, Olimpique, Liverpool e Besiktas (serían unhas dignas semifinais da UEFA e pouco máis), o máis fácil para o favorito o D con Milán, Celtic, Benfica e Shaktar e o grupo gris por excelencia: Inter, PSV, CSKA e Fenerbaçe. Nin para ver os resumos.
Fáltalle algo de salsiña a esta edición. Hai pouco morbo, poucos encontros de rivalidade e faltan clásicos como Juve ou Bayern. Todo se porá máis interesante nas eliminatorias.


