A fin do mercado de fichaxes
Agardemos que o final de temporada non sexa tan aburrido como o do período de incorporación de xogadores (estival). Moi poucas sorpresas e Baptista, Alves e Riquelme no seu sitio. Nin tan sequera as contrastadas informacións de As e Marca sobre a segura marcha de Ronaldinho, que sería substituído polo lateral dereito da Canarinha, se cumpriron para a nosa perplexidade.
Sorprende menos que o Real Madrid, a última hora e incoherentemente, se desfixese dos seus mellores canteiráns. De La Red irá canada Inimigo Público Número 1 Torres, Adrián será adestrado (quen sabe por canto tempo) polo inimigo natural do seu pai, Javi García reforzará ao Osasuna por non ir ao Manzanares. Alves non veu e Baptista quedou, o mellor segundo punta que teñen que, ao mellor cualitativamente non é demasiado pero cuantitativamente si desde logo. No Marca falaban dun novo Zamorano e, por unha vez, estou de acordo con eles.
No Barça quedaron Guddy máis Ezquerro e só eu parezo estar sorprendido. Haberá quen achacará esta situación á astucia negociadora de Txiki pero gustaríame, dentro do posible, que este espazo conservase unha mínima seriedade. Creo, despois de todo, que non son malas noticias porque a plantilla do Barcelona é curta en case todos os seus postos. Por malos que sexan non se pode poñer toda a responsabilidade de suplir a Henry durante tres meses a un rapaz de 17 anos que non debutou no Camp Nou e anda a perder as botas por Corea.
O Atlético, empecinado en ser protagonista nun eido diferente ao das decepcións, sofre, se é o verbo, a marcha desa eterna supernova coñecida como Peter Luccin ao Zaragoza cando parecía que ía ir ao Birmingham, e recibe ao xogador máis desagradecido da liga: Motta (ademais citando a Gio en van). Seguramente, despois de probar os locais nocturnos da capital da comunidade de Madrid, marchará ao ano seguinte o rei da festa blaugrana a Londres ou Milán co seu amigo Roni. Que peche ben a porta ao saír.
Ese xenio oculto que recibe por nome Monchi penso que volve a atinar con Aruna Koné aínda que, como peros, é moi similar a Kerzakhov e trae consigo a exclusión, supoño que hai outros motivos, dun xogador moi válido como Ernesto Chevantón. Quen llo dera á maioría de equipos de Primeira! Outro que non desperta tantas expectativas (positivas) é Gerard López “de entre os mortos” Segú. Unha fichaxe de cara ou cruz. Ou resucita ou abre con Motta un pub en Huelva. Nunca se sabe con este rapaz ao que apodaron o novo Guardiola con 17, fracasou con Valdano, convertiuse nunha estrela mundial con Cúper e tornouse en emblema con Gaspar. Rikjaard quería que se quedase porque era un bo relacións públicas pero gañar 800 millóns de pesetas era un soldo moi alto para tal cargo. As lesións rematárono no Mónaco. Alguén se acorda que desputou unha Eurocopa?
Se o Betis con Cúper, presumiblemente, a escuadra hispalense non ía liderar as estatísticas ofensivas coa incorporación de José Mari está claro que non. Canto gaña o Vilarreal en ataque con esta baixa! Só falta que marche tamén Guille Franco. Para outro día faremos unha valoración global das fichaxes.


