Vidas cruzadas


Un Madrid imparableReal Madrid e Barcelona parecen sofrer un cambio de identidade na súa identidade. Mentres que os brancos acostumaban a gañar de forma apurada, pouco ortodoxa e conseguindo resultados por riba do seu xogo os culés adoitaban a conseguir bos resultados pero que non plasmaban a diferencia real da súa superioridade. Isto semella que xa non é así.

Cun bo e valente adestrador, máis unha plantilla de gran calidade confeccionada de xeito caótico, despilfarrador e desordenada reuniu un gran elenco de xogadores cos que levar á práctica unha idea de fútbol rápido, de toque e, aquí a gran diferencia, demoledor. O Madrid dos galácticos nunca xogou ao nivel que o fixo onte en Castellón. Foi o seu mellor partido seguramente desde a primeira era Toshack a un rival en plena forma e fóra de casa. Seguramente haxa elementos circunstanciais que se conxugaran para ese baño de xogo e goles: a nefasta parella de centrais do Vilarreal, a mala sorte de cara a portería nos primeiros 45 minutos dos amarelos ou a desmoralización dos de Pellegrini despois dunha racha tan victoriosa. Non esconden tales condicións a evidencia de que este Madrid é unha máquina de matar chea de confianza. Unha especie de híbrido entre o bo xogo de toque da escola de Schuster combinado co espírito guerreiro de Capello. Así é moi difícil paralo.

Claro, é de supoñer que Sneijder non meterá todos os tiros que intente, está aínda por demostrar, e que algún día Casillas non as parará todas antes do primeiro gol de Van Nistelroy. Sen embargo o feito de que non sufrisen en defensa coa peor combinación de xogadores posibles (só faltaba Salgado), que teñan como titular indiscutible ao peor dos 4 segundas puntas que teñen (tremo con pensar o que podería facer Baptista aí) e que ademais un dos mellores extremos do mundo non debutase… Todo isto fai máximo candidato ao Madrid a todo, incluído Champions. Os seus únicos puntos febles son que pasará se Guti non funciona e que acontecerá coa súa confianza psicolóxica despois dunha racha mala.

O Barça é un enfermo que ten mellor cara pero segue igual de enfermo. Con dous partidos de Deco ou Ronaldinho coma os de onte terían gañado liga e copa. Sen embargo os problemas persisten. Apenas tiran en xogada, necesitan moita elaboración para rematar, Valdés é entendido como un mal endémico e os xogadores teñen dúbidas sobre si mesmos o cal se aprecia no campo. Vai sendo hora de recoñecer que o que sabía de tácticas era Ten Cate e Rikjaard non é máis ca un bo psicólogo. O Bilbao, posiblemente o visitante máis fácil do campionato e cheo de baixas, marcou na súa única aproximación e de non ser polas xa case malditas axudas arbitrais non terían saído indemnes desta volta.

Por calidade, homes e nomes poden facer fronte á Bestia Branca que non pode conservar ese nivel de xogo toda a temporada. Necesitan recuperar aquel espírito combativo derivado da chegada de Edgar Davis e un fútbol máis práctico, en definitiva xogar como o fai o Madrid.

Información e Enlaces

Comenta, entérate do que dixeron outras persoas, ou enlaza isto no teu blog.


Outros posts
La Vuelta en Santiago
A fin do mercado de fichaxes

Escribe un comentario

Adícanos un momento para deixar un comentario e contarnos a túa opinión. Podes formatear cun HTML básico.

Comentarios

¡Sé o primeiro en deixar un comentario!