As leccións de Camilo Sesto
Camilo Sesto dixo: “Ya no puedo más, ya no puedo más/Siempre se repite la misma historia“. Creo que o noso Jesucristo Superstar persoal referíase ás relacións amorosas. A súa tupida cabeleira non lle permitiu ver que en realidade estábase a referir aos cracks do Fútbol Club Barcelona que, inevitablemente, acaban saíndo pola porta de atrás do equipo entre o oprobio e a vergonza.
Os magos barcelonistas abandonan o Camp Nou estigmatizados: foi o caso de Maradona, de Schuster, de Laudrup, de Stoichkov, de Romario e de Rivaldo. Nos albores do seu periplo magnifícanse os seus poderes até o paroxismo, nos momentos difíciles da temporada dubídase da súa implicación e capacidade de resolución antes que a de, poñamos por caso, Valdés ou Luis Enrique. E anos despois da súa marcha, cando o trebón se diluíu, pasan a ser parte do clube.
Falemos agora de Ronaldinho. Creo que amosou que ten cualidades técnicas e físicas para ser o mellor do mundo e un xogador importante na historia do fútbol. Na súa peor temporada meteu 21 goles, case tantos como Raúl na súa mellor (25), as máis das veces a balón parado e dando osíxeno ao equipo cando non estaban Messi e Eto’o. Se alguén que non leva unha vida nin unha preparación acorde coa dun deportista de elite, que se pode esperar del se recupera as ganas e a motivación? Ten 27 anos e un equpo fantástico para facelo.
Independentemente da miña, ou da vosa, opinión sobre Ronnie o que está claro é que hai un modus operandi no equipo culé que leva a ser excesivamente crítico coas estrelas. A falta de conformismo foi sempre un selo de identidade da sociedade catalana e un exemplo para o resto de España. Sen embargo a esaxeración inherente á prensa deportiva saca as cousas de quicio. Tomás Roncero defendeu incondicionalmente durante o seu periodo máis negro, que debeu durar unhas cinco ou seis temporadas se é que acabou, a Raúl. Agora que supera en dous goles a Saviola cuns 200 e pico minutos máis de xogo pide o balón de oro para o seu gran capitán. Seguramente a cordura atópase nunha estación intermedia.
A actitude festiva e pasota de Ronaldinho e, sobre todo, o seu promiscuo irmán non axudan a identificarse co gran crack culé. Pero el, por interese do barcelonismo, merécese máis oportunidades que Valdés, Jorquera ou Ezquerro.


