Mou cinco estrelas
Permítome plaxiar unha infame portada do diario Marca para encabezar esta homenaxe a un dos adestradores claves desta década. José Mourinho é algo máis ca un entrenador igual que cando estivo con Robson era máis ca un tradutor. Un histrión, un psicólogo, un xestor de recursos humanos, un malo de película, un preparador físico, un axedrecista, un pai, un actor… Mourinho é o entrenador total.
Non debería ter que dar explicacións da miña admiración por el. Alguén que sae da entrega do premio a entrenador do ano da Premier para defender ao seu can e é detido entra a formar parte directamente do santoral de Padiola. Mourinho sempre quixo que a presión e a atención recaese sobre el e non sobre os seus xogadores. Cantos escándalos recordamos da plantilla do Chelsea nos seus anos como manager? Poucos cando antes eran case diarios. (Como anécdota da era Ranieri lembrar cando Gudjohnsen, Terry e Lampard xogaron espidos nunha boleira).
Tamén se ten acusado a Mourinho de conservador. Admitindo que non é un entrenador de “vida alegre” como Rikjaard ou Hiddink, o fútbol do Chelsea era agresivo e dinámico. Esmagaba aos seus rivais cando estaba en forma presionando até o último equipo. A súa némese no campionato inglés, o madrileño Benítez, vence envelenando ao rival co seu xogo anémico. Mou tentaba afogalo a base de correr aínda que acabou dependendo demasiado de Drogba.
O que matou ao preparador luso foi perder a autoridade. Primeiro coas fichaxes das estrelas do Fifa 2003 Sevchenko e Ballack que non trouxeron máis ca problemas. Non creo que moitos preparadores do mundo puidesen aguantarlle a mirada a Abramovich para dicirlle que quen fichaba era el. Nunca perdeu a autoridade moral. Os resultados, o seu cariño aos xogadores e o seu criterio salomónico dábanlle a autoridade no vestiario. Nestes días sucedéronse sinceras reaccións de raiba por parte da súa plantilla (tampouco hai que autoenganarse: olvidaranse de Jose para a semana). Veremos o que di Gerrard ou Xabi Alonso cando marche o seu adestrador.
Mourinho volverá, e pode que ao noso campionato, e se é así pode facer campión a calquera, incluso ao Atlético de Madrid. Non sería perturbador, co que leva chovido, que Mourinho volvese ao Camp Nou como adestrador?


