Un xogador desiquilibrante
E non é o da foto… O choque entre os dous mellores equipos da temporada pasada pareceu orbitar ao redor dun xogador desiquilibrante. Antes unhas palabras sobre o Sevilla: foi covarde de máis, non podes esperar que un dos cracks do Barcelona non enchufe unha, mellor tería sido sacar a Kerzakhov para pillar aos cataláns na contra, os hispalenses seguen sen tocar a gloria en grandes campos, Bernabeu aparte e Juande Ramos garda un parecido considerable ao protagonista de Jackie Brown.
Ronaldinho: Todo comeza conque Ronaldinho non é decisivo como noutrora. Xa dixen no anterior post o meu parecer. Sen embargo permítome engadir algo máis: a parroquia barcelonista semella vivir enganchada ao drama.
Tití: Xogador anteriormente coñecido como Henry. Chegou para ser o novo Ronaldinho e parece que segue a senda de reencarnar a Larsson. O sueco tiña unha inmensa calidade e clase que só podía amosar cando daba chegado ao balón. Preocúpame porque a velocidade é unha das poucas capacidades físicas que non son mellorables co entrenamento, alén diso hai un claro problema de confianza ao verse nun novo equipo que non xoga para el. Será demasiado vello aos 30 para aprender a xogar en estático? Non mo preguntedes a min que aínda non sei se chegarei. Ao igual que Ronaldinho a súa clase merece unha oportunidade.
Messi: O verdadeiramente incrible é que ten dous e tres anos máis ca Gio e Bojan. Ves xogar aos dous canteiráns e dá a sensación de que teñen moita calidade pero fáltalles bastante físico e experiencia para ser decisivos. Seguramente Leo sexa xa o mellor do mundo non un contra un, un dos máis hábiles no control, está empezando a pasar como Iniesta e remata xa mellor, cando menos, que Gudjohnsen. De non se ter lesionado tres meses o Barcelona tería gañado a liga con total seguridade por moitos cubalibres que Motta e compañía repartiran polo vestiario. O que dá medo é que non parou de medrar. Mais non é este o xogador desiquilibrante do Barcelona.
O máis desiquilibrante: Oleguer Presas amosou onte como en 6 minutos pódese dar a volta a un partido totalmente controlado. Tirou mal o fóra de xogo, unha das súas especialidades, e permitiu que Kanouté lle dera emoción ao partido. Non lembro ben o dato pero creo que a parella que formou con Thuram foi titular uns 20 partidos de liga dos que se gañaron 2. Ronaldinho?Messi? Quen desiquilibra aquí… É curioso como este rapaz cantos máis anos pasan peor xoga. E leva menos perigo como lateral que como central. Fai parecer a Milito e Márquez dous semideuses.
O Barça conta, cando menos, cunha defensa seria e que saca ben o balón. Vantaxe que lle permitiu gañar unha champións. Se Messi é apoiado por outro crack Raúl, nin sequera el, será capaz de frealos na competición doméstica.


