Reflexións desde unha realidade alternativa
Con Raúl pásame que ás veces dáme a sensación de vivir nunha realidade alternativa á que me ofrecen os medios de comunicación. Agora fálase dun rexurdir do gran capitán branco que o vai levar irremediablemente ao combinado da Real Federación Española e, se marca contra ao Getafe, de seguro que superará a Messi e Kaká na carreira polo Balon de Ouro. Terei que ir paseniño con boa letra para que as hordas madridistas e miles de lectores e Padiola non me comades vivos:
Algúns méritos de Raúl son innegables. Os números están aí: máximo goleador da Champions, desde os 17 xogando no Madrid, xogador de campo con máis partidos na selección… As súas cualidades futbolísticas para min son a súa mentalidade competitiva e o olfato de gol. Se González Blanco é un crack por algo é por ter aguantado tantos anos aí baixo a presión e con fame de fútbol. Neste punto cabe recordar que algo similar se pode dicir do eterno discutido Guti.
A gran virtude de Raúl actúa como elemento catalizador dun proceso deformador da realidade. Raúl crese un superclase mundial e un elixido dos deuses. Non é unha presunción ao uso marcada pola arrogancia e a altanería como pode ser, seguimos coa comparación, no caso de Guti. El cre que pode xogar cada balón, chegar a cada remate, regatear a todos os centrais do mundo porque foi uncido deste xeito. Limítase a cumprir o seu papel divino con eficacia.
O problema é a realidade (ou máis ben a realidad onde vivo eu). Aí Raúl é un xogador sen recursos para decidir por si so un partido e moito menos campionatos. Pode haber por algún que se erga por aí e me lembre que xa o fixo en múltiples ocasións pero aquí citareime a min mesmo dicindo que leva 13 anos en primeira división e o meritorio sería, realmente, non telo feito nunca. Porque cando falamos de cracks, dos de verdade, aí que falar de Ronaldo, Di Stefano, Platini, Van Basten, Zico, Messi, Cruyff, Maradona, Pelé, Roberto Baggio, Bergkamp e tantos outros con argumentos futbolísticos para resolver un encontro sen importar a realidade do mesmo.
Malos mestres
Raúl é un enorme xogador de equipo. Un dos mellores que tivo a liga seguro nese sentido de entrega incondicional polas súas cores. Sen embargo tivo esta persoa, cos estigmas da clase traballadora debuxados na fronte, moi malos mestres durante a súa carreira. Por unha banda a prensa madrileña, instalada nun permanente salto ao baleiro da esaxeración na procura da gloria blanca, avivou as súas ansias de competitividade de león de barrio converténdoo nalgo que non é: un xenio. Peor aínda foi a nefasta influencia dos seus compañeiros. Seguramente quen converteu a Raúl no monstruo que é agora foi Fernando Hierro, candidato claro á Historia Universal de la Infamia de Borges e que lle inculcou que tratar aos demais como iguais é impropio de deuses merengues.
Así se entende o seu empecinamento en darlle o Balón de Ouro cando non o merecía, ou que tirara aquel penalty contra Francia cando había mellores lanzadores sobre o campo, ou que mire ao ceo cando sone o himno español. Raúl interpreta un papel que non foi escrito para el e por iso se olvida dalgunhas liñas e entra tarde. No Real dos fantásticos empezou a dubidar da súa capacidade, e a perder punta de velocidade, e esa foi a súa fin. Debe ser duro ser dianteiro e ver adestrar a Ronaldo (se é que vai claro).
Non se agochan motivacións inocentes detrás desta deificación de Raúl. Hai motivos económicos, que o Madrid sempre estea na primeira plana garante mellores resultados económicos das empresas con sede en Madrid e hainos tamén políticos. O entorno merengue, a pesares da inmensa pluralidade política dos seus siareiros, está asentado na dereita e, incluso na ultradereita, como é o caso de Lorenzo Sanz ou Ramón Calderón, antigos membros de formacións desa ideoloxía. Convén un ídolo sen talento nin estridencias, alguén co que o traballador que se ergue ás seis da mañá nunha cidade dormitorio madrileña se poida identificar. Non hai máis que ver o caso que a pija progre Ana García Siñeriz fai no seu programa aos Beckham e aos Guti e como Roncero, o Raúl do xornalismo, adora ao seu capitán.
Neoraúl
Por volver á actualidade parece claro que Raúl non fixo máis que volver á súa posición orixinal. Aí está máis cerca da área e mete máis goles. En tempos pretéritos isto non era así porque andaban por aí Figo, Ronaldo, Owen e compañía. O número de goles de diferencia entre o semideus e Saviola non é significativa, por exemplo. No caso da selección está claro que el, Salgado e Cañizares foron expulsados por non saber ser suplentes. O proceso de divinización galáctico foi demasiado para el.
Dada a idiosincrasia de Raúl a súa retirada levará ao seu olvido. O afeccionado branco recordará máis os malabares de Ronaldinho que a un pobre home correndo entre os centrais para probar que el non se equivoca.



Intuio que o Dépor vai baixar a segunda esta temporada. ¿Qué pensades vos? ¿Haiche motivos para preocuparse ou non?