Contos de nunca acabar
Cando os que temos acceso a un medio de comunicación comezamos a reflexionar sobre profesións dunha preparación esixente como a de medicina adoitamos caer no erro da soberbia. Na mediciña dous máis dous non son sempre catro e aí está House para demostralo. Aínda así non me resisto a comentar dous casos paradigmáticos.
Un é o do Barcelona que parece sufrir sempre as lesións en forma de praga divina e ademais por posicións. Un ano son todos os defensas e outro todos os centrocampistas. Ás veces son lesións musculares, como desta volta, e noutras ocasións trátase de xeonllo (a primeira liga de Rikjaard). De seguro que a preparación física e a prevención son dous asuntos capitais. Temos o exemplo de Milanello e a preparación física axeitada a cada xogador tendo en conta as súas características.
Máis grave incluso é o do Valencia. Todo parece indicar que as lesións son mal diagnosticadas. Segundo o médico ao que se lle pregunte Vicente ía estar unha semana de baixa ou un mes e algúns xogadores, como o anteriormente mencionado ou Edu, parecen non poder dar saído dunha dinámica de recaídas. Por poucos estudios que un teña nos dous casos algo cheira a chapuza.
A importancia dos equipos médicos non é menor xa que leva a situación dramáticas como a obrigada titularidade de Thuram e Oleguer, os xogadores que decidiron a pasada liga en favor do Madrid, ou a esperpentos como a que o Valencia, o equipo con máis centrocampistas zurdos do universo, tivese que empregar a un diestro (Angulo) nesa demarcación.


