Schumacher, Premio Príncipe de Asturias dos Deportes
Por máis que o intento -e mira que devano os miolos- non son capaz de comprender cal é a idiosincrasia dos Premios Principe de Asturias dos Deportes. semella que non existe un criterio unívoco á hora de conceder o galardón real. Descoñezo se o xurado premia a traxectoria dunha carreira deportiva -como ocurre no merecido premio a Michael Schumacher-, se o que se valoar e a promoción dun deporte e dos seus valores (a Selección de Baloncesto), a trascendencia mundial xa non dunha persoa ou equipo senón dun evento (Tour de Francia) ou se, simplemente, o presentismo imponse en todo o seu esplendor (Fernando Alonso).
Non quero ser cicatero nin estropearlle o seu gran día a Schumacher (aínda que algo me di que o Premio lle da bastante igual), pero este ano había mellores candidaturas, como a conxunta de Nadal e Federer, que coa súa amistade e a sua sana rivalidade fomentan o fair play por todo o mundo; a selección iraquí de fútbol, capaz de sobreporse ás súas penosas circunstancias e de facer sentirse orgulloso a todo un país; ou mesmo Yelena Isinbayeva, capaz de batir o record do mundo de salto con pértiga competición tras competición.
Seica as deliberacións do xurado comezan no mes de maio e se prolongan ata setembro, cando o xurado finalmente dicta o seu fallo. Tanto deliberar para isto? Para deixarse guiar polo presentismo, polos titulares dos xornais, pola tendencia que está de moda? E sigo sen entender os Premios (o da Concordia e o de Cooperación Internacional son totalmente intercambiables). Por qué non crear galardóns máis suxestivos: Premio ao mellor peinado, Premio ao mellor programa do corazón…
P.D: Canto tempo falta para que propoñan a Raúl para o Príncipe de Asturias dos Deportes? E cando Fernando Alonso gañe cinco títulos mundiais consecutivos e demostre ser o mellor piloto do universo qué farán: daranllo outra vez? concederanlle Príncipe de Asturias á Concordia? Se segue en McLaren irá a recollelo con Hamilton e Dennis? Respostas, quero respostas.


