FerFedeRer
Roger Federer
Seguramente aos seus 26 anos é xa o mellor tenista da historia. O seu xogo non ten fisuras salvo na terra onde a maior capacidade física dalgúns rivais, sobre todo Rafa Nadal, aínda pode con el. Chega nun dos seus maiores baches da súa carreira recente xa que perdeu contra outra das súas bestas negras a final dos Masters Series e en cuartos doutro. Referido a outro xogador do circuíto profesional resultaría un comentario sarcástico pero aquí estamos a axustarnos a realidade. Ten tal cantidade de puntos por defender
pero até a el élle difícil. Chega sen entrenador e precedido polas dúbidas sobre o seu estado de forma.

David Ferrer
Para a prensa madrileña e o forofo que só se apunta a ver o tenis cando hai unha victorias patria (esta figura pode ser representada graficamente por Tomás Roncero) Ferrer antes de Shangai é un comentarista de La Sexta. Aos seus 25 anos vén de facer a temporada da súa vida gañando en Auckland, Bastad e Tokio ademais dunhas semifinais no U.S. Open derrotando a quen lle tapa a súa luz, Rafa Nadal. Chega como número 6 da ATP e é estatisticamente o mellor restador do circuíto.
Shanghai
A falta de Grand Slam a gran potencia económica do presente e do futuro acolle o torneo de mestres. Todos confían en que este ano Federer non leve outra vez o torneo e que se poida dar a sorpresa. A victoria de González ante o xenio suízo abre as ansias de gloria de todos. Ferrer gaña con brillantez a Djokovic que dende Flushing Meadows dedícase máis á comedia lixeira que ao tenis. e Nadal a Gasquet que pasaba por aí.
Na segunda xornada aparecen as figuras do torneo. España descobre que ten un segundo tenista cando Ferrer derrota a Nadal. Federer gañar con autoridade ao dostoeivskiano Davydenko recuperando os seus mellores golpes. A prensa madrileña fantasea cunha final española.
Na derradeira xornada Federer destroza ao crack mediocre Roddick, Ferrer pasa por riba de Gasquet e Nadal dálle o billete definitivo ao seu imitador Djoko. Na griseza Roddick avanza cara as semifinais.
Grandes esperanzas
Ferrer chega ao que, pensa, pode ser o segundo partido máis importante da súa vida. Roddick é o mellor sacador do circuíto e el o mellor restador. A superficie axuda ao xogo primitivo do de Nebraska pero é derrotado por un xogador en estado de gracia como o alicantino que fai o partido da súa vida.
Máis dúbidas había no outro encontro. Podería con Nadal, a súa outra bestia negra, ou confirmaría as fendas no seu xogo? O reloxo suízo confirmou que é o mellor. A base de calidade e axudado pola pista quitou sentido ás carreiras a proba de fe do manacorí. O xogo compartía sinxeleza e imposibilidade. Primeiro mandaba a bola a unha esquina e despois á outra sempre cunha precisión exquisita. Nunha ocasión Nadal púxose 0-30 e Roger fixo 4 aces seguidos. Tamén gañou os 13 primeiros xogos do segundo set. Nada se pode facer cando el está ben.
Dous campións fronte a fronte
Ferrer viña coa vertixe de subir por primeira vez ás alturas. Federer tan só volveu á súa posición natural. Desde o primeiro xogo o alacantino foi incapaz de descifrar o enigma suízo. Como vencer a un tenista que non parece moverse cando xoga? Como restar golpes imposibles. No discurso saiu vencedor o español: “Roger é o mellor tenista da historia”. Non quedou atrás o gran campión: “Agradezo a David e a todo o seu equipo o marabilloso tenis que puidemos ver estes días en China”. Até nisto ten un revés incomensurable.
Despois un circo coa tenente alcaldesa de Shanghai e un Mercedes. Isto tamén é a ATP.


