Ovellas negras


Ronaldinho está tristeOs problemas do F.C. Barcelona escríbense con “R”: con “R” de Relaxación, con “R” de Ronaldinho, con “R” de Rijkaard. As declaracións de Edmilson a TV3, nas que falaba da existencia de ovellas negras no vestiario culé, víronse envoltas nunha agria polémica malia que tan só explicitaba e facía público o que moitos aficionados sabiamos ou supoñíamos. Dende aqui, todo o noso apoio a Jose Edmilson, un home feito a sí mesmo, nado nunha das favelas máis pobres de Brasil, capaz de superar un alcoholismo xuvenil e de reorientar a súa vida cara o deporte uníndose aos atletas de Cristo.

Non é fácil identificar as causas absolutas, holísticas, dunha situación, máis cando seguramente se trate dunha conxunción delas, isto é, dunha combinación de factores que desembocan nunha situación “x”. Sen embargo, resulta obvia -e abraiante- a relaxación da que fan gala os blaugrana. Poucas veces un equipo tan forte, de tanta calidade e con tantas posibilidades se planta nun terreo de xogo con tanta desidia como o F.C. Barcelona cando xoga lonxe do Camp Nou. Nen sequera os galácticos, que eran un equipo prepotente pero que polo menos se adicaba a xogar con intensidade e brillo uns 15 minutos por partido. ¿Como pode ser que perderan a fame de títulos? ¿É posible gañar dúas ligas e unha champions e crer que xa está todo feito, que non hai por qué loitar? O noso querido Edmilson comentaba que moitas veces, para darse ánimos cando está lesionado ou falto de moral se lembra da ruada e do recibimento que tiveron en Barcelona tras gañar a Champions League.

A baixa forma e o pasotismo de Ronaldinho resultan tan alarmantes coma sorprendentes. Sería sobrehumano manter o nivel futbolístico co que abraiou ao mundo enteiro hai uns anos, pero un futbolista profesional non se pode arrastrar polos terreos de xogo como fai o Gaúcho. No Real Madrid son o coraxe de Sergio Ramos e o espíritu combativo de Raúl -algo tiña que ter- os que contaxian aos demais. No Barcelona é a desidia e o ritmo cansino de Ronaldinho o que xenera un efecto contaxio nos seus compañeiros, mesmo no propio Messi, fora do Camp Nou. Aínda me lembro perfectamente de cando era considerado o mellor futbolista do planeta e cada dous ou tres meses reclamaba unha subida de soldo. Quizais o mellor sexa que se vaia, ao Milan ou a onde sexa. O Real Madrid de Fabio Capello empezou a funcionar cando se desfixeron de Ronaldo (por non mencionar a mefistofélica influencia que exercia en Robinho).

En último lugar -pero non por elo menos importante- está a ineptitude de Frank Rijkaard para manexar certas situacións. Era vox populi que Ten Cate era o encargado de deseñar as tácticas do equipo. Sen el, o equipo foi a deriva como un barco sen timonel. O ano pasado o bo de Frank fíxose o harakiri cambiando o sistema a un 3-4-3, ¡con Oleguer e Thuram de centrais!, unha táctica que tan só saiu ben durante 45 minutos en Zaragoza e que levou aos blaugrana á eliminación na Champions e á perda de varios partidos ligueiros cos que polo menos houberan conquistado o campionato nacional.

Moitos censuran as declaracións de Edmilson. Os propios Xavi e Iniesta as califican de “inoportunas”. Inoportunas, pero ninguén dixo que faltara á verdade. ¿Cando serían oportunas, cando perdan todos os títulos? Mesmo hai quen di que estas declaracións están pactadas por Edmilson coa directiva (a plana maior do Barça coincide plenamente coa opinión do brasileiro), como unha especie de favor para facilitar a súa salida ao Milan. As razóns dan igual, son indiferentes. Ovellas negras, hailas.

Información e Enlaces

Comenta, entérate do que dixeron outras persoas, ou enlaza isto no teu blog.


Outros posts
Grupos que dan a vida
FerFedeRer

Escribe un comentario

Adícanos un momento para deixar un comentario e contarnos a túa opinión. Podes formatear cun HTML básico.

Comentarios

¡Sé o primeiro en deixar un comentario!